Este mércores na hora de ler, teremos un invitado sorpresa para inaugurar a nosa Biblio.
Trátase dun ilustrador!!!!
XOSÉ TOMÁS.
Imos coñecelo mellor:
(Betanzos 1971) ilustrador, humorista gráfico, guionista e profesor de ensino secundario no CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal (inglés). O groso da súa obra sitúase na ilustración infantil e xuvenil , moitos dos libros están na nosa Biblio á vosa disposición para que os leades e vexades o ben que traballa:
"Sabeliña e os ratos", "A burra Ramona",
"O tempo do revés", "Contos de Reis e de Nadal","O souto escuro e perigoso", "Coller as rendas"....
"APRENDER A PENSAR COA BIBLIOTECA ESCOLAR"
Este é o lema do cartel que terán as Bibliotecas escolares este curso e que tan ben ilustrou Xosé Tomás. Imos reflexionar un pouco lendo esta información:
Unha biblioteca escolar actualizada no seu modelo, nos seus recursos e equipamentos, nas súas propostas; atendida con profesionalidade e integrada no día a día do centro educativo, supón unha oportunidade única para axudar a nenas e nenos a desenvolver o seu pensamento crítico, a "aprender a pensar".
Aprender a pensar a través dos contos, da tradición oral, das lecturas de ficción, da poesía, do teatro; a través das lecturas de materiais de divulgación científica, a través das investigacións. Aprender a pensar co cine e coa música. Aprender a pensar a través do diálogo, nos clubs de lectura, nas actividades compartidas. Aprender a pensar baixo a guía e orientación dun profesorado consciente da importancia da curiosidade como motor vital e, tamén, da importancia de activar no alumnado os mecanismos para desenvolver o pensamento complexo. Aprender a pensar nas clases de filosofía, pero tamén fóra das aulas regladas, onde a vida flúe en todo o seu misterio. A biblioteca escolar é un espazo privilexiado para que o alumnado non perda a súa capacidade de asombro; para que aprenda a formularse preguntas diante dos distintos fenómenos naturais ou sociais e, tamén, a procurar algunhas respostas á complexidade que lle toca vivir.
Ningún comentario:
Publicar un comentario