A forma dos adxectivos cualificativos
No que respecta ao xénero e ao número o comportamento do adxectivo e do substantivo é idéntico, coa única diferenza de que no adxectivo o xénero e o número lle veñen dados polo substantivo ao que modifican.
Formalmente os adxectivos son variables. Igual que os substantivos, están formados por un elemento fixo (lexema), que é o que achega o significado léxico, e outros elementos intercambiables (morfemas flexivos), que achegan un significado moito máis reducido de tipo gramatical (xénero, número); ademais tamén poden posuír morfemas derivativos (sufixos e prefixos) que poden facer variar o seu significado.
Tamén igual que no caso do substantivo existen algúns adxectivos que non presentan formas diferenciadas para os dous xéneros (fácil, gris, breve...), aínda que o máis habitual é que teñan flexión en xénero e número. Neste caso, para mostrar estas variacións, utilizan os mesmos procedementos que no caso dos substantivos.
Os graos do adxectivo
A calidade que expresa o adxectivo pódese manifestar en diversos graos: positivo, comparativo e superlativo.
- Grao positivo. É o grao no que está un adxectivo que expresa unha calidade ou estado sen matizar ningunha intensidade do mesmo. El é unha persoa interesante.
- Grao comparativo. Un adxectivo está en grao comparativo cando compara a intensidade coa que dous substantivos posúen a mesma calidade: Este chiste á máis divertido ca o anterior.
- Grao superlativo. Un adxectivo está en grao superlativo cando expresa unha calidade no seu maior grao: Estou esgotadísima.
Procedementos de formación do comparativo.
A comparación pode ser de tres tipos:
Lembra que os adxectivos grande, pequeno, bo, malo, alto e baixo presentan formas para o comparativo específicas, que son: maior, menor, mellor, peor, superior e inferior, respectivamente.
- de igualdade: as dúas calidades posúense no mesmo grao. Os contos son tan interesantes coma as novelas.
- de inferioridade: unha calidade posúese en menor medida ca a outra. Os contos son menos interesantes ca as novelas
- de superioridade: unha calidade posúese en maior medida cá outra. Os contos son máis interesantes ca as novelas.
Procedementos para formar o superlativo
Distínguense dous tipos de superlativo segundo comparemos a calidade con outros substantivos que tamén a teñen pero en menor grao (superlativo relativo) ou nos centremos unicamente nun substantivo que posúe esa calidade nun grao moi alto (superlativo absoluto). Fíxate na diferenza: É a película máis divertida da carteleira /É unha película divertidísima.
Igual ca no caso do comparativo, tamén existen no superlativo formas propias para os adxectivos grande, pequeno, bo, malo, alto e baixo, que son: máximo, mínimo, óptimo, pésimo, supremo e ínfimo, respectivamente..
- O superlativo relativo fórmase segundo esta fórmula: artigo + máis/menos + adxectivo + de + 2º termo.
- O superlativo absoluto pódese formar das seguintes maneiras:
- engadíndolle ao adxectivo o sufixo –ísimo (ou –érrimo nas formas cultas): El é intelixentísimo, Libérrimo.
- antepoñendo prefixos como super–, ultra– ou hiper–. Ela é superintelixente.
- antepoñendo o adverbio moi ó adxectivo: El é moi intelixente.
- antepoñendo o adverbio ben: Ela é ben intelixente
- antepoñendo adverbios rematados en –mente: El é extremadamente feliz.
- repetindo o adxectivo: Ela é lista lista
(Apuntes adaptados da páxina http://cotovia.org)
Ningún comentario:
Publicar un comentario