xoves, 1 de abril de 2021

2 ABRIL: DÍA MUNDIAL DA CONCIENCIACIÓN DO AUTISMO

 O  Trastorno do Espectro Autista ( TEA) é un trastorno   do desenvolvemento que xa se manifesta durante os tres primeiros anos de vida e que perdurará ó longo da vida.


O obxectivo do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo é dar a coñecer estes trastornos para combater os prexuízos e a discriminación que afectan as persoas con autismo e conseguir a súa plena inclusión en sociedade.


Os síntomas do autismo poden dividirse en dous grandes grupos: as dificultades á hora de comunicarse e relacionarse con outras persoas, e a repetición de condutas, actividades ou intereses, a miúdo de forma obsesiva.

Os trastornos do espectro autista maniféstanse nos tres primeiros anos de vida e duran toda a vida. Aínda que non existe unha cura, os expertos sinalan que unha detección precoz pode axudar a tratar os síntomas e mellorar a calidade de vida.

Algúns exemplos de comportamento autista son: non mostrar interese polo que tes cerca, cousas e persoas , non establecer contacto visual, non expresar emocións a nivel facial, evitar o contacto físico, ter unha linguaxe limitada e literal (non entenden as bromas ou xogos de palabras)…. Aínda así, existen diferentes graos de  TEA e as capacidades e síntomas poden variar moito en cada caso.

Nos casos máis graves, a falta de comunicación verbal é permanente e as persoas afectadas poden non chegar a comunicarse nunca con outras persoas. 

A cor azul transformouse nun símbolo do autismo. Azul como o mar, moitas veces calmo, pero en ocasións turbulento, como ocorre con quen presenta esta condición.

Atent@ssss:




Campaña 2020 2021: 

Podo aprender, podo traballar

 Reivindícase un esforzo por parte das autoridades e da sociedade á hora de facilitar o acceso a unha educación de calidade co obxectivo de que estas persoas poidan desenvolver un traballo remunerado e ser o máis autónomos e independentes posible.
E isto require un cambio de mentalidade na sociedade para apoiar as necesidades, capacidades e prioridades das persoas con  TEA, crear e manter os servizos de apoio necesarios e promover a accesibilidade do colectivo en todos os ámbitos da sociedade.
Como imos participar nós como clase?
1) O primeiro, aprendendo e comprendendo toda esta información que fomos lendo e vendo.
2) Viremos a clase con algo azul, agora xa sabedes o motivo.
3) Faremos a nosa fotiño para participar na campaña "Podo aprender, podo traballar".
4) Imos ver e reflexionar esta fermosa curta...FLOAT (Voa). 
Conta a historia dun neno coa incrible capacidade de voar, representando o desafío dun pai ao ver que o seu fillo é diferente aos demais nenos. O seu creador contou nunha entrevista de radio que atravesou unha depresión tras o diagnóstico do seu fillo:"A miña esposa viu que non estaba a manexar ben o diagnóstico de autismo do meu fillo e díxome: Por que non contas a túa historia?. Agora todos os pais, e familiares, poden gozar dun pequeno pero especial conto de fadas moderno que nos fai  redescubrir a coraxe e a forza para enfrontar obstáculos aparentemente insuperables que poden transformarse en grandes alegrías".

Ningún comentario:

Publicar un comentario