luns, 12 de abril de 2021

USO DA COMA

Para comunicarnos cos demais é fundamental dominar a entoación dunha lingua. Tamén na escrita precisamos marcar os cambios de entoación pero, a diferenza da lingua oral, isto si que o temos que estudar porque existen unhas regras que fan corresponder os signos de puntuación coas distintas pausas e cambios de entoación que marcamos ao falar. 
Se non fose polos signos de puntuación non se entendería o que está escrito porque hai expresións que aínda que estean formadas polas mesmas palabras e colocadas na mesma orde, teñen distintos significados cando a súa puntuación é diferente. Por exemplo, unha coma pode variar totalmente o sentido dunha frase.

A coma (,)

Representa na escrita a pausa breve que facemos cando falamos. Utilízase nos casos seguintes:

  • Para separar os elementos dunha enumeración. Ex: Mercou unha bolsa de patacas, un quilo de feixóns, dúas bolas de pan e medio quilo de cenorias.

  • Para indicar que se chama directamente por alguén. Os substantivos van seguidos de coma se están en principio de frase. Ex: Antón, dime a onde vas // Antía, que queres facer agora?

  • Nos incisos que interrompen un enunciado, para aclarar ou ampliar o que se di, ou para mencionar o autor ou obra citados. Ex: A autora de Cantares Gallegos, Rosalía de Castro, viviu no século XIX. // Todos os seus amigos, incluídos os da infancia, acudiron ao seu aniversario.

  • Nos enderezos, para separar o nome da rúa do nº e piso. Ex. Rúa Rosalía de Castro ,nº 3, 3ºA

  • Nas relacións alfabéticas por apelidos. Ex: Costas Álvarez, Ledicia.




Ningún comentario:

Publicar un comentario