martes, 7 de xuño de 2022

OS PUNTOS SUSPENSIVOS. DÚBIDAS

 


Os puntos suspensivos supoñen a interrupción do que se di ou un final impreciso. 

Detrás deles escríbese maiúscula cando pechan unha oración (Non chegou a tempo... Ben, xa se sabe que nunca chega a tempo.) e minúscula se a oración continúa (Dubidaba se... facer o que lle pedían).

 Úsanse nos seguintes casos:

  • Ó final dunha enumeración que queda aberta. Ex: Aínda ían pasar moitas cousas máis: a chegada do irmán, o divorcio da súa muller, a morte do pai...

  • Para expresar un momento de dúbida. Ex: O rapaz debía ter... dezaseis ou dezasete anos.
  • Para deixar un enunciado incompleto e en suspenso. Ex: O que me dixeches onte foi moi desagradable...
  • Cando se omite unha parte dunha cita textual. Ex: Lembro un poema de Rosalía: “Adiós ríos, adiós fontes...”.

Aínda que parece un recurso simple, os puntos suspensivos atraen bastantes erros, especialmente cando van con outros signos de puntuación.

Podemos resumir en catro puntos as claves para escribilos ben:

1. Colócanse inmediatamente pegados á palabra e non se insire nin espazo nin outro signo de puntuación. O espazo vai entre os puntos e a seguinte secuencia:

Incorrecto*O ciclo ofrecerá concertos en igrexas, museos, mosteiros, pazos,…

Incorrecto*Concretaremos os recursos precisos: económicos, organizativos, políticos … e definiremos os axentes responsables.

CorrectoConcretaremos os recursos precisos: económicos, organizativos, políticos… e definiremos os axentes responsables.

2. Os puntos suspensivos son só tres e non un número indefinido! Isto implica que tampouco poñemos un punto final ou punto e á parte detrás deles:

Incorrecto: *Enviamos cartas, correos, fax…. Total, para nada.

3. A non ser o punto, poden ir seguidos de calquera outro signo de puntuación:

CorrectoEnviamos cartas, correos, fax…, total, para nada. / Enviamos cartas, correos, fax… Total, para nada.

4. Os puntos suspensivos tras enumeracións dan a entender que poderiamos seguir engadindo elementos. Para este fin, tamén nos serve etcétera ou etc. pero debemos elixir; se usamos os puntos suspensivos non podemos poñer etcétera ou etc. Ou un ou o outro!

Incorrecto*Esta ruta ofrece moitos atractivos: os petroglifos de Fragoselo, os dolmens do Mercantil, etc…

Incorrecto*Aquí utilizamos máquinas metalúrxicas, transportadoras… etc.

(GALEGUÍZAME!)

Ningún comentario:

Publicar un comentario